CABALEIRO DE GALICIA

   

Por Rosa Méndez Fonte

Benquerido Issac, despois de tantas conversas, de tantos instantes compartidos en fraternal compaña, non agardes hoxe de min un adeus melancólico, nin unha ladaíña de mágoa. Hoxe, Isaac, coma sempre, só quero e teño para ti o meu profundo agarimo e a miña admiración sincera, porque sinto que segues estando aí, recio e forte, observando

 as mudanzas deste noso país cunha mirada entre carraxenta e magoada; qué pouco fai falla para desandar o conquerido despois de tanto esforzo común, cantos e cantas serían os que hoxe, se puidesen, virían das cinzas a berrar alto e forte a súa protesta. Bos e xenerosos que, coma ti, tentarían impedir este desmantelamento sociocultural e económico que semella aveciñarse a través dunhas mans inexpertas e incompetentes. Semella non ser casualidade que o teu último alento nos deixase o mesmo día en que dende Madrid se pretende, paseniñamente, dar marcha atrás a este proxecto dunha Galicia maior de idade, competente no seu e atenta ao porvir das súas xentes. Xunto con outros compañeiros da túa xeración, fuches para todos nós ese símbolo útil ao que mirar nos instantes en que é preciso levantar a cabeza sen medo para defender o que é noso, por historia e por dereito, por amor á nosa terra e por obriga ao noso pobo e ás xeracións futuras. E non che foi sinxelo noutros tempos, naqueles en que o anano alugapatrias campaba o seu desexo até os recunchos máis íntimos. Pero sempre estabas aí, en pé, con ese paso curto de longa travesía, sorteando con habilidade aos corsarios benmantidos e de sospeitosas voces. Home de empresa ?pero endexamais de presa? é curioso que nos últimos anos tiveses tamén que sortear a quen non comprendía os teus anhelos. Mais se venceron na primera batalla, non convenceron máis que a si mesmos; e novamente saíches victorioso e reforzado cos apoios de todos aqueles e aquelas que, á fin, falabamos esa mesma linguaxe na que o compromiso coa cultura desta terra ía por diante de calquera outro proxecto de carácter esencialmente económico. E aí están tamén os traballadores que che fixeron compaña ao longo de tantas décadas para falar de ti, nos seus xustos termos. Aí están tantos e tantas escritores e investigadores que saben do que digo. Aí tes hoxe tamén, atentos ao teu recordo, ás ducias de artistas galegos que te tiveron preto cando fuches preciso para eles. Aí están os teus nomeamentos e recoñecementos públicos ao longo de tantos e tantos anos, as rúas que por Galicia adiante levan o teu nome, sen que ninguén ouse a cuestionar que o teu recordo quede impreso nelas para o futuro. Poucas persoas son tan dignas coma ti para acompañarnos nesas ducias de espacios de tránsito compartido. Recórdaste? Ante calquera homenaxe sempre te amosabas sorprendido, con esa actitude de falsa modestia que a todos nos era familiar, e que agardabamos sorrintes, como sorrinte e fachendoso estabas ti, sempre agradecido. Benquerido Isaac, desde este Ferrol dos Traballadores, patria primeira do teu pai e lugar ao que sempre fuches benvido, quero hoxe, unha vez máis, enviarche una forte aperta (tensa aperta, como ti dicías). Onde estés, agárdanos, e entrementres non chegamos vai poñéndote á fronte dun recuncho dese espacio e organiza para nós unha patria libre, coas coordenadas de Galicia. Boa viaxe, Grande Mestre da Arte, Cabaleiro de Galicia e Señor de Sargadelos

Rosa Méndez é Directiva da A.C. Fuco Buxán

 

Chúzao!

Información Adicional