Quen somos?
- Detalles
- Escrito por Fuco Buxán
FUCO BUXÁN: Unha aposta polo futuro da Esquerda e unha Esquerda de futuro.
Nome nacido dos versos claros de Celso Emilio, na súa “Carta a Fuco Buxán”, que somos todos, nos que nos pedía “andar ergueitos, falar forte e nunca máis esquecer o noso norte". Nosa asociación, vén funcionando cun epígrafe identificatorio: POLA REXENERACIÓN DA ESQUERDA, que foi a nosa bandeira de enganche desde a nosa fundación, o 9 de xullo de 1999. Aínda que, desde o 1 de Maio de 1995, funcionabamos xa como xestores dunha publicación cuxa reseña encontraredes neste texto.
Tal como recollen os nosos estatutos, somos unha entidade sen ánimo de lucro, apartidaria, democrática, aberta e participativa que pretende converterse nun foro de permanente debate que nos axude, desde un coñecemento e análise do pasado e do presente, a participar na construción dun futuro en paz e liberdade para todos.
O noso instrumento de traballo é a palabra, o diálogo, a investigación e o encontro. “Razón Socialista”, órgano de expresión de FUCO BUXÁN, foi desde o principio un portavoz de ideas progresistas, de denuncias e reivindicacións que, o dicimos con orgullo, ten lectores aos dous lados do Atlántico, e conta con firmas de prestixio internacional, no mundo da Política e a Cultura, cuxo listado sería demasiado amplo e, cremos, innecesario. Cunha tirada de mil exemplares e unha periodicidade semestral, levamos á rúa aquelas cuestións que, moitas veces, aparecen condicionadas por imperativos comerciais ou ideolóxicos, nos distintos medios de comunicación.
Dentro das diferentes áreas do noso grupo, destacaríamos a de “Recuperación da Memoria Histórica”, que dou orixe á publicación de varias obras: La Transición en Ferrol (Edicións Embora, 2001), Desde el mar que perdiste, libro de memorias de Manuel Pillado (Edicións do Castro, 2002), Julio Aneiros, la lucha imprescindible (Embora & Fuco Buxán, 2004), Memorias dun Antifranquista de Enrique Vigo (Embora & Fuco Buxán, 2004), El Juicio de los 23 (Embora & Fuco Buxán, 2005), Jesús Rodríguez Pérez: Protagonista de una generación (Ediciós do Castro, 2005), Miguel Iglesias: Memorias de guerra 1936-1942 (Embora & Fuco Buxán, 2006), Ferrol 1931-1952, de la República a la posguerra (Embora & Fuco Buxán, 2005), I. Díaz Pardo. Homenaxe Galega (Fuco Buxán, 2007); e seguimos traballando para editar máis obras para desde a esquerda axudar a configurar outro mundo que é posible. Tamén temos publicada a novela Abordajes (Embora & Fuco Buxán, 2006). Así como o libro de defensa da nosa ría titulado: Muros de Silencio. Corrupción y amenaza en la ría de Ferrol. El caso Reganosa (Fuco Buxán, 2007).
“Encontros coa información” sirve, asemade, de permanente encontro coa actualidade periodística e de, como reflicten os medios de comunicación, os asuntos que atinxen aos cidadáns. As distintas problemáticas sociais, a nivel local, comarcal, nacional e internacional.
Temos participado e participamos en cantas iniciativas e plataformas defenden ideais comúns ou compartibles: Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Plataforma Cidadán Nunca Máis, Rede Galega da Memoria, Rede Litoral Vivo. Temos un acordo de colaboración coa ONGD ACSUR – Las Segovias.
Temos como socios de honra a Xulio Aneiros, Santiago Carrillo, Isaac Díaz Pardo, o alcalde Xaime Quintanilla Ulla e a Toñito "o da guerrilla”; por estar comprometidos co cambio social, o avance dos traballadores, da democracia e do país.
Estivemos na rúa, na madrugada do bombardeo USA sobre Iraq (20 de marzo de 2003), informando cun comunicado á cidadanía; temos recollido firmas, saído en manifestación, presentado demandas ante a Xustiza, apostamos claramente polo pobo palestino... abrimos novos foros para tratar urxentes temas: a muller na sociedade actual, o consumo, a incorporación da mocidade...
Estamos na sociedade, EN PÉ DE PAZ, seguros de estar no camiño, coas portas abertas para todos aqueles progresistas que desexen defender un Estado de Benestar e de Xustiza, hoxe ameazado por unha globalización salvaxe.
A nosa voz é a voz da Razón. A ela chégase polo camiño do diálogo, a discusión e o espírito democrático.
¡Planta de Gas, fóra da ría de Ferrol!
¡Nunca Máis e Non á Guerra!
¡Outro mundo é posible!





